A ARV denuncia ante a Fiscalía a Juan Carlos de Borbón e ás Infantas

Na mañá deste venres 20 de setembro a Asemblea Republicana de Vigo denunciou ante a Fiscalía de Vigo, grazas ao traballo dos letrados Antón Beiras Cal e José Luís Gutiérrez Aranguren, a Juan Carlos de Borbón (Rei Emérito) e ás Infantas por delito fiscal e branqueo de capitais en relación á constitución dunha Fundación en Abu Dhabi con fondos milmillonarios ocultados á facenda española.

O Rei Emérito realizou dúas regularizacións fiscais mediante a presentación de declaracións complementarias por certos tributos e períodos abertos a inspección e comprobación. A primeira tivo lugar en decembro de 2020. A segunda tivo lugar en febreiro de 2021, por importe de 4,4 millóns de euros e, segundo declarou, tivo que pedir diñeiro prestado aos seus amigos para pagarlle a Facenda.

Agora resulta que constitúe con 2.000 millóns de euros unha fundación onde as Infantas participan no padroado.

A cidadanía queda novamente abraiada coas condutas do anterior xefe da Casa Real e Xefe do Estado. O estupor que causan estas recorrentes noticias non ten parangón con outros casos de corrupción pública.

A denuncia presentouse á Fiscalía Xeral do Estado e á Axencia Tributaria que teñen o deber xurídico de esclarecer e perseguir as condutas que poidan deducirse dos feitos informados. Trátase dun deber terminante, dunha cuestión de legalidade inescusable, pero tamén de moralidade pública, perturbada pola indecencia de tales condutas.

A ARV manifestamos o noso rexeitamento á monarquía, tanto na figura de Juan Carlos como na de Felipe, e loitaremos en todas as fronte por derrubar o sistema monárquico, herdeiro do franquismo.

Actualización

Diversos medios de comunicación fixéronse eco da nova:

Pode que che interese:

Deixa un comentario