O vindeiro xoves 17 de setembro dará comezo un novo ciclo de cine organizado pola Asemblea Republicana de Vigo baixo o título Resistencia e memoria antifascista.
O ciclo desenvolverase en tres xornadas, os días 17 de setembro, 2 e 21 de outubro, e terá como fío condutor a recuperación da memoria antifascista a través de diferentes historias e perspectivas sobre a represión, a Guerra Civil e a loita contra o fascismo.
A primeira xornada terá lugar o propio xoves 17 de setembro, ás 20.00 horas, nos Multicines Norte. Nela proxectaranse 12 de mayo de 1937, de Mar Caldas, e O segredo da Frouxeira, de Xosé Abad, e contará coa presenza de ambos os directores, que presentarán as súas respectivas obras.
12 de mayo de 1937, dirixido por Mar Caldas, recupera a historia do seu avó, José Caldas, sindicalista e concelleiro socialista fusilado o 12 de maio de 1937.
Pola súa banda, O segredo da Frouxeira aborda un episodio da Guerra Civil no que se entrecruzan as historias de catro familias, ofrecendo unha perspectiva novidosa sobre os acontecementos e as súas consecuencias.
O venres 2 de outubro, tamén ás 20.00 horas, será a quenda de Guerrillero, un filme centrado na figura de Quico e no seu percorrido vital, así como no seu papel na guerrilla antifascista en Galicia e León. A proxección contará coa presenza do director, Joan Gamero.
O ciclo pecharase o mércores 21 de outubro novamente ás 20.00 horas coa proxección de Lorca en La Habana, documental que percorre a viaxe de Federico García Lorca á capital cubana en 1930. O acto contará coa presenza en Vigo de Antonio Manuel Rodríguez Ramos, un dos dous directores da película.


