O próximo xoves 20 de xuño ás 20:00 no MARCO, a Asemblea Republicana de Vigo convoca a todos os vigueses e viguesas a unha Concentración baixo o lema A 10 anos da abdicación de Juan Carlos de Borbón, AGORA, REPÚBLICA!
Tras dez anos da abdicación de Juan Carlos de Borbón, a ARV volve a chamar a cidadanía, homes e mulleres de Vigo e da bisbarra, en definitiva, ao conxunto dos traballadores e traballadoras e dos sectores populares para que se enchan os arredores do Museo Marco nun acto de republicanismo que se faga sentir en toda a cidade.
A ARV manifesta o seu rexeitamento á institución monárquica, encarnada a día de hoxe na figura de Felipe VI. Nin Juan Carlos nin Felipe!
Cómpre unir forzas para acabar coa monarquía, dentro da pluralidade, respectando distintos obxectivos estratéxicos. Reivindicamos a República e rexeitamos a monarquía porque é incompatíbel cun sistema democrático. É un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas.
Por isto e moito máis, o xoves 20 de xuño saímos á rúa en Vigo ás 20:00 diante do Museo do Marco.