Crónica da manifestación pola República deste 14 de abril de 2024

Este pasado domingo 14 de abril, convocados e convocadas pola Asemblea Republicana de Vigo, centos de vigueses e viguesas e cidadáns da comarca participaron na manifestación pola república que discorreu polas rúas da cidade olívica.

A marcha arrincou por volta das 12:00 dende o cruzamento da Vía Norte coa rúa Urzáiz e finalizou, á beira da rúa da II República, en plena porta do sol.

Os e as manifestantes percorreron as rúas con cánticos republicanos: «para mudalo todo – república do pobo», «monarquía e capital alianza criminal», «República queremos – por ela loitaremos», ou «contra a impunidade do franquismo».

A mobilización contou cunha nutrida participación xuvenil, amosando que a República e os seus valores están moi vixentes nas novas xeracións, que empurran con forza e entusiasmo por un cambio de réxime.

A xornada rematou coa lectura do manifesto a cargo do actor, veciño de Redondela, Tatán. Á gaita e ó violín, Antón Sánchez e Laura Quintillán puxeron fin a xornada de loita.

Pode que che interese:

Deixa un comentario