Crónica da manifestación pola República o 14 de Abril de 2023

Este pasado venres 14 de abril, convocada pola Asemblea Republicana de Vigo, celebrouse unha nova manifestación Pola República enmarcada no 92 aniversario da proclamación da II República en 1931.

Os e as manifestantes, nunha xornada de loita e reivindicación marcharon dende o cruce de Vía Norte con Urzaiz ata a Porta do Sol ao berro de Viva a República; Para mudalo todo, República do pobo; Monarquía e capital, alianza criminal; Os cartos dos borbóns, pra saúde e educación e un longo etcétera de consignas.

A mobilización contou cunha nutrida asistencia e rematou cun acto na Porta do Sol onde o mestre e cineasta vigués Roi Cagiao deu lectura ao manifesto, un texto que denunciou non só a corrupción da monarquía borbónica, se non tamén a necesidade da ruptura co réxime monárquico e a importancia da organización popular para traer a República: “A monarquía borbónica parece obstinada en profundar nas súas propias contradicións, nas súas propias miserias, pero sabemos que en calquera caso, fará falta unha organización, unha difusión e promoción intensa e constante dos valores democráticos, e de igualdade social para algún día, máis pronto que tarde construír a república que todos desexamos.

O acto, que foi presentado por Catalina Pahíno, contou coas intervencións musicais da violinista Laura Quintillán e do gaiteiro Antón Sánchez que puxeron fin á xornada.

Compartimos unha recompilación de fotos da manifestación.

Pode que che interese:

Deixa un comentario