Este pasado venres 14 de abril, convocada pola Asemblea Republicana de Vigo, celebrouse unha nova manifestación Pola República enmarcada no 92 aniversario da proclamación da II República en 1931.
Os e as manifestantes, nunha xornada de loita e reivindicación marcharon dende o cruce de Vía Norte con Urzaiz ata a Porta do Sol ao berro de Viva a República; Para mudalo todo, República do pobo; Monarquía e capital, alianza criminal; Os cartos dos borbóns, pra saúde e educación e un longo etcétera de consignas.
A mobilización contou cunha nutrida asistencia e rematou cun acto na Porta do Sol onde o mestre e cineasta vigués Roi Cagiao deu lectura ao manifesto, un texto que denunciou non só a corrupción da monarquía borbónica, se non tamén a necesidade da ruptura co réxime monárquico e a importancia da organización popular para traer a República: “A monarquía borbónica parece obstinada en profundar nas súas propias contradicións, nas súas propias miserias, pero sabemos que en calquera caso, fará falta unha organización, unha difusión e promoción intensa e constante dos valores democráticos, e de igualdade social para algún día, máis pronto que tarde construír a república que todos desexamos.”
O acto, que foi presentado por Catalina Pahíno, contou coas intervencións musicais da violinista Laura Quintillán e do gaiteiro Antón Sánchez que puxeron fin á xornada.
Compartimos unha recompilación de fotos da manifestación.