Éxito na presentación de “España, cara B”

O extenente Luís Gonzalo Segura presentou o pasado xoves 25 de xuño, na libraría Librouro de Vigo, o seu último libro, España, cara B: Farsa, corrupción y fraude, nun acto organizado pola Asemblea Republicana de Vigo.

Durante a súa intervención, Gonzalo Segura fixo un percorrido pola última década da súa traxectoria persoal e profesional, marcada pola súa expulsión do Exército tras denunciar casos de corrupción e abusos nas Forzas Armadas, así como pola súa posterior actividade como escritor e colaborador en diversos medios de comunicación.

O autor tamén abordou as dificultades que, segundo a súa experiencia, atopou nos medios de comunicación considerados progresistas, onde denunciou ter sufrido episodios de censura, manipulación e veto por manter unha postura crítica co aparato mediático e institucional.

Ao longo da conversa, Luís Gonzalo Segura reflexionou igualmente sobre a situación actual do Exército español e defendeu a imposibilidade dunha reforma profunda da institución no marco político vixente.

O acto foi conducido polo presidente da Asemblea Republicana de Vigo, Anxo Padín, e rematou cun animado coloquio no que o público participou activamente cunha nutrida quenda de preguntas e reflexións.

Con esta actividade, a Asemblea Republicana de Vigo dá por finalizado o seu programa de actividades antes da pausa estival, que retomará tras o verán.

Pode que che interese:

Deixa un comentario