Antía Cal: Benqueridos cidadáns de Vigo

Benqueridos cidadáns de Vigo:

Hoxe é un día de festa. Hoxe celebramos o 85 aniversario da proclamación da II República, un deses intres na nosa historia de democracia e liberdade, de laica igualdade, de ilustración e cultura.

¿Por que significan tanto eses cinco anos da nosa historia?

¿Por que República significa máis que a forma de estado democrático por excelencia?

¿Por que para os filósofos e sabios, a tradición republicana, que afunde as súas raiceiras en Atenas, é sinónimo de Bo goberno?

Para esta mestra que vos fala, a resposta non ten dúbida: está na educación da cidadanía. Para os republicanos, o súbdito so alcanza a condición de cidadá a través da educación. A República propúxose educar á poboación para iniciar o camiño da transformación social. Como dicía Don Ramón Carande “Necesitamos muchos miles de escuelas y maestros; únicamente cuando lleguen a discurrir los españoles se conmoverán las estructuras más reacias”.

Por iso a República lanzou as “Misións Pedagóxicas,” que pretendían levar aos pobos máis remotos a formación e culturas que só estaba dispoñible nas cidades, para converter aos habitantes do rural en ‘Colaboradores del progreso nacional elevando su nivel cívico y cultural’. Entre 1931 e 1934 as misións visitaron 495 pobos, en estancias nas que se facían lecturas poéticas, tocábase música clásica cun gramófono, proxectábanse películas e tras catro ou cinco días, marchaban deixando unha pequena biblioteca cuns centenares de volumes, ao coidado do mestre da vila: esa era a tarefa principal: crear bibliotecas públicas: ‘Libros y más libros: esa es la gran siembra que ha de hacerse sobre la tierra de España’.

Así a 2ª República fixo moito pola nosa educación e hai que recoñecerllo.

  • Primeiro de nada, respetou os bilingüísmos que hai en España, empezando polo galego- castelá.
  • Ensínabase na lingua materna e logo estudiábase tamén o castelán.
  • Atopáronse sen escolas, e de primeiro escomezaron edificando cinco centas por ano.
  • Os mestres tiñan que formarse, adicouse na formación do mestre, que era considerado a “alma da escola”. Dignificaron a profesión ensinandolles a traballar dende que remataban os estudios.
  • Nas escolas estableceuse a coeducación.
  • Atenderon ós nenos que estaban mal nutridos e mal vestidos. Empezaron a educalos despois de bencomidos.
  • As escolas chegaron a todos os currunchos, non podía haber un neno sen escola.

A primeira vez que escoitei falar da 2ª República foi na Habana, a meus tíos Anxel e Xoan, irmáns de mamá, que estaban moi contentos e eran republicans.

Eu tiña daquela 7 ou 8 anos, viñémonos para Galicia con mamá o 13 de maio de 1932, a vivir no Mesón de Muras, dos meus avós. Papá ficou en Cuba traballando. Estudiaríamos na Coruña, pero estando en Muras acudíamos á escola. Doña Rogelia e don Antonio eran os mestres. Acolléronnos moi garimosos.

Ela foi a primeira que nos invitara a que nas vacacións leramos libros da biblioteca que nos regalara a República, uns libros fermosísimos, do Século de Ouro do Castelán. Cousa que fixen de contado aquel vran e os seguintes. Aquel vran aproveitámolo en Muras. Todo foi ben cando chegamos e nos afixemos. Así pois, eu coñecín de nena a misión pedagóxica que viñera a Muras e deixara esa biblioteca centrada no século de ouro ao coidado dos mestres.

Pero catro anos máis tarde en 1936, precisamente no mes de xullo, a miña tía Canducha deume un recado para levarlle ao avó, que estaba mondando o morteiro das coles, perto da casa, e cando ía polo arcén en chegando sentín moito boureo, viñan unhas camionetas, coas caixas de carga cheas de homes de pé, berrando moito. Corrín cabo do avó que estaba moi solprendido. Non pararon no mesón, baixaron para Muras. Eran os mineiros de Viveiro.

Días mais tarde os guardias colleron preso a don Antonio, o mestre, botándolle culpas de ter correos con Rusia. O avó e a miña tía Cándida non daban conta do que acontecia, porque eles eran os que repartían os sacos do correo e nunca tal escoitaran.

Pasaron inda ben días, o avó e a tía Canducha ían e viñan de Lugo; de don Antonio nunca máis se soupo.

E nestas, ven no coche de línea doña Julia Cerdeiras, que eran familia moi querida no Mesón, para seguir a Burgos para falar con Franco porque culpaban a seu irmán, que era alcalde de Viveiro, por ser do Partido Galeguista. Doña Julia ía e viña nos viaxes do correo e sempre baixábase no Mesón e poñíase a chorar con miñas tías e mamá na cociña. Eu preguntaba e nada me contaban.

E nesas alturas estaban nos medios de comunicación estas palabras con feitos que perduran na historia:

O General Queipo de Llano, quen nas súas escuras alocucións desde Radio Sevilla ameazaba:

no es justo que se degüelle al rebaño y se salven los pastores. Ni un minuto más pueden seguir impunes los masones, los políticos, los periodistas, los maestros, los catedráticos, la escuela, la prensa, la revista, el libro y la tribuna”.

Cando medrei e estudiei maxisterio na Coruña non se volveu a falar da República, nin cando estudiaba Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Tiven que agardar a ir a “Escola de Vran de Rosa Sensat” en Barcelona para volver a escoitar falar da 2ª República, lembrando aqueles tempos de bos recordos.

Agora, para despedirme quero recordar ó meu home. No cabo de ano na nosa casa, todos agardábamos os estoupidos dos foguetes que botaban esa noite os do Concello. Namentras non comenzaban Antón xogaba cos nenos, era moi neneiro.

Cando por fin soaban, Antón facía un corre corre apagando todas as luces da casa, e logo abrir as fiestras que daban á Gran Vía, e con toda a súa forza, ante ledicia dos cativos, berraba

¡Viva a República!

Antía Cal Vázquez

Vigo, Abril 2016.

Pode que che interese:

Deixa un comentario