Unha trompa de elefante esgana o rei. Sucesivas trompas, sen elefante, foran abafando, pouco e pouco, o limitado territorio mental do monarca e conducindo o seu corpo en reiterado hábito contra o cristal das vidreiras. Acristalado, embutido en vidro como un ente fósil, continúa a esbardallar, a tatexar, a babexar e a exercer o seu mandato de raíz teocrática, de cerna medieval. Os poderes pactistas da chamada Transición fabricaron a lenda do rei salvador, responsábel fundamental do noso relativo reencontro coa democracia. Pero non puideron disimularlle a silueta de cazador de trompas, as andainas de golfo profesional, as aventuras amatorias subvencionadas, a prepotencia ignorante nin os hábitos violentos, seica exercidos tamén no ámbito do dormitorio familiar. O franquista Juan Carlos de Borbón, que medrou ao amparo da sombra protectora do ditador sanguinario, a quen quixo como un pai e adorou como caudillo redentor, foi do ganchete cos militares do 23 de febreiro na tentativa de regreso á casa negra do fascismo. E tamén lle disimularon a súa participación na urda golpista, novamente invertida a razón da historia, transformada en fábula para destinatarios disminuídos, As grandes empresas da corrupción coas súas sucursais nas sedes dos partidos políticos chamados importantes coñecen e consenten, naturalmente, e disimulan, asimesmo, as lucrativas e ilexítimas actividades económicas do rei multimillonario, especialidade que, como o sangue rexio, tamén se transmite de pais a fillos, a filla presuntamente implicada.
A filla borbónica, non tocada pola graza da inmunidade constitucional que protexe o pai e lle outorga carta branca de ilimitados efectos, xa baixou a rampa que conduce ás salas do xulgado. O seu itinerario de descenso en dirección á casa da lei, podería constituir o limiar preparatorio da viaxe definitiva de toda a familia, previa permanencia de algúns dos seus membros en cuarentena carcelaria.. Que marchen todos xuntos, en singradura sen retorno, pai e nai, fillas e fillo, con toda a parentela política e lateral, en viaxe de exilio, como fixeron os seus devanceiros, en baixada desde a casa real, desde o hábitat irracional da realeza, aos ámbitos da vida real, ao territorio das cousas –res, de República-onde habitamos o resto dos mortais.
O universo real da realidade xira en órbita antagónica, en traxectoria de colisión contra ese outro mundo real da realeza, constelación irreal, fantasmagórica, paleolítica. Un invento patético, unha fórmula política ridícula e perniciosa, organizada en permanente estado de violencia contra a razón democrática e contra a existencia colectiva. Fronte á entidade surreal da monarquía érguese a República, o goberno da res pública, o mandato popular da realidade.
A realidade é hoxe unha paisaxe de pobreza, inxustiza, desigualdade, desacougo colectivo e violencia institucional como non foi vista desde a extinción formal da ditadura. A crise fabricada polo capital, sostida polo poder político, agudizada no fío da ambición de banqueiros e empresarios que tiran substanciosa tallada dos fondos da pobreza, sustenta a inmoralidade dos seus principios nas mesmas claves ideolóxicas que, coa colaboración de primeira liña do aparato político da xerarquía católica, cimentaron o levantamento militar fascista de 1936 contra a República da Fronte Popular, construíron a ditadura franquista, alicerzaron a restauración da monarquía borbónica e hoxe conforman os programas e a actuación antidemocrática dos gobernos do Partido Popular. Nunca antes tivemos a oportunidade de contemplar con luz tan clara o panorama da continuidade, a liña que conecta o golpe de estado de 1936 co sustrato ideolóxico que preside as actuais políticas gubernamentais da dereita en crecente rumbo de ultradereita, en Galiza e en España: a protección, consolidación e ampliación dos privilexios e beneficios da oligarquía. A desfeita que alimenta eses beneficios son a pobreza e a fame que vemos sobrevivir nas rúas, que nos acompaña e arrepía; a desigualdade máis soez, que nos chama á revolta; o paro en cifras inhumanas; o recorte das liberdades, con imposición de leis represivas e reaccionarias, propiciadas ou ditadas polas autoridades do nacionalcatolicismo vixente; a demolición milimétrica, pedra a pedra, do edificio da cultura, a ruína programada do sector público (coa sanidade e o ensino como albos fundamentais); a corrupción en obscena e permanente cadea de politicos implicados; ou a demonización das certezas e da libre vontade soberanista de millóns de cidadáns…
A República non abre todas as portas da revolta necesaria, do movemento popular masivo que avance cara á conquista do soño de Liberdade, Igualdade e Fraternidade e contra o a ditadura do capital. Pero representa, alén dos lindes de calquera conxuntura histórica, unha razón universal, unha concepción do mundo asentada na cerna da razón pública fronte á violenta insensatez da monarquía. A República é rumbo de pensamento lóxico fronte á irracionalidade da superstición relixiosa, vía de ciencia en dirección oposta á dos camiños do imaxinario teolóxico. A República laica combate e vence a moral represiva do fanatismo católico.
Este republicano nacionalista galego que vos fala, herdeiro activo da memoria histórica dos vencidos en 1936, ferido aínda co terror dos seus devanceiros e coa mágoa interminábel da orfandade e o silencio apretado nos labios, aceso en combustión de ira antifascista, asombrado sempre na admiración da resistencia contra a ditadura, cre que esta República, a que nos chama hoxe, na situación de extrema emerxencia en que vivimos, esmagados baixo a laxe inmensa da reacción oligárquica, fundamenta o seu sentido no alicerce histórico da Fronte Popular, na conxunción e suma de forzas, coaligadas ou impulsadas por motores de enerxía coincidente.
Aquí, na permanente xuntanza asamblearia de Vigo, convivimos en serena irmandade, en diálogo centrado arredor do proxecto republicano, homes e mulleres que optamos por diferentes fórmulas destinadas á organización do estado. Son a República e a liña da esquerda os vectores do noso rumbo unánime. Algúns, algunhas, eu entre eles, queremos construír, desde a beira nacional galega da esquerda, a República Independente de Galiza.
Viva a República.
Xosé María Álvarez Cáccamo
14 de abril de 2014