Negro, negro como as tebras

Discurso lido por Xesús López Carreira ao remate da  manifestación do 14 de abril

 

E despois do día veu a noite. Noite pecha, noite escura, noite sombría, noite mesta, noite moura, noite fría, noite densa, noite lóbrega, noite negra.

Día dun longo e frío inverno ourensán. Pai e filla ao carón da lareira. Hoxe, a historia de Isolina. Si, da nosa veciña. Desa muller perpetuamente tinxida de negro. A do infindo sorriso, mais só a do xesto constante, a do eterno aceno. A historia de Isolina, a historia do pai, a historia da filla, a miña historia, a nosa historia, a historia colectiva.

Verán do 36. Manuel á sombra da oliveira á porta da adega da súa casa. Polo camiño, tres homes trouleando. Saúdos, risas, convite, tazas, conversa. Uns: desorden. Outro: democracia e avances sociais. Mais risas, outra taza, apertas, grazas, ata mais ver.

Negro, negro como as tebras.

Madrugada. Gran balbordo. Espertar. Desconcerto. Golpes na porta. Medo. Berros. Terror. Paseo. Golpes. Insultos. Disparo. Morte a beira do Miño.

Negro, negro como as tebras. Negro acibeche. Negro coma o carbón. Negro como as roupas de Isolina… 40 anos de longa noite de pedra.

Noite. Noite que relae a luz. Noite de barbarie, noite de atraso, noite de inxustiza, noite de intransixencia, noite de miseria, noite de ignorancia, noite de imposición, noite de tortura, noite de arrepío, noite de morte.

Noite que apaga o día. Día da democracia, día do federalismo, día do laicismo, día da igualdade de dereitos, día do sufraxio feminino, día dos logros sociais, día do dereito ao divorcio, día da educación e da sanidade universal, día da revolución pedagóxica, día da ambición modernizadora, día da reforma agraria, día da investigación científica, día do debate intelectual, día da creatividade artística, día da vangarda cultural…

E esta é a historia. E así é a nosa historia. A historia que todas e todos, como a filla, necesitamos saber. A historia que coma o pai, estamos obrigados a transmitir. A historia que como Isolina non queremos esquecer. Esta é a historia, a historia de Isolina, a historia de Manuel, a historia colectiva, a nosa historia a miña historia.

E só así: sabendo, lembrando, non esquecendo, crendo e loitando… só así a luz disipa as tebras. Porque, despois da noite… sempre ven o día.

E só así faremos xustiza

E só así repararemos

E só así poderemos mirar cara adiante

E só así viviremos unha Galiza republicana.

Viva a República!!!!.

Xesus López Carreira

Pode que che interese:

Deixa un comentario