Discurso 14 de Abril

MANIFESTO REPÚBLICA 2010

Boas tardes, cidadanía de Vigo, aquí estamos un ano máis celebrando o día da República. Unha palabra que resoa nos meus oídos desde nena. Son filla póstuma de republicano. Unha das miñas primeiras imaxes infantís é cantar nos xeonllos do meu avó paterno: Si los curas y frailes supieran, sen entender o que quería dicir. Na familia da miña nai tamén eran republicanos e algún dos meus tíos anarquista. A miña avoa cumpría anos o 14 de abril. Xuntábanse as fillas e fillos, nove, e despois de xantar, coas copas e o licor café, cantaban a Internacional. De maior souben o seu significado porque, de nena, pensaba que era a canción de aniversario da miña avoa. Teño, pois, unha tradición republicana, pero non é iso o que me leva a defendela. Os patrimonios, os legados son propios da monarquía. Traemos herdados os xenes, certos trazos, a cor dos ollos…, pero a razón e a conciencia é propia, é responsabilidade persoal. Hai razóns históricas e políticas para defender a República. Clara Campoamor, consultada sobre o sistema de goberno que prefería, respondeu: República, república sempre. Paréceme a forma de goberno máis conforme coa evolución dos pobos, superior a calquera outro réxime.

Ningún sitio mellor para falar da República ca esta Praza. Aquí chegou, tal día coma hoxe no ano 1931, desde todos os arrabaldes da cidade, unha masa emocionada e alegre, cantando o Himno de Riego, a Internacional, e algunha xente tamén A Marsellesa, simbolizando a caída do antigo Réxime na Revolución Francesa. Tamén aquí, un día aciago no verán do 1936, foi onde o Capitán Carreró leu o bando da insurrección franquista. Un rillote anarquista tiroulle o papel e o capitán ordenou ao exército disparar indiscriminadamente sobre a poboación curiosa que se concentrara. A porta do Sol, nomeada praza do Capitán Carreró durante a dictadura, tinguiuse de sangue. Aquí comezou o terror que se ía incrementar cos fusilamentos, empezando polo alcalde da cidade, e os paseos que sementaron o terror e a morte anónima. Aínda hoxe. Tamén aquí, aí enfronte, no antigo Hotel Moderno, xuntábanse os 3 estamentos que decidían os paseos: A Igrexa, representada polo xesuíta Padre Nieto, O Militar, capitán Enseñá e a Garda Civil, que facilitaba as listas das persoas que se significaran durante os anos da República. Escollían ao chou dez ou máis cada día e dábanlle os nomes aos nenos ben que lles gorentaba darlle ao gatillo. Por iso, estas pedras que nos rodean, de teren vida estremeceríanse.

Coa República opoñémonos ao Antigo Réxime, a unha sociedade de estructura piramidal e dominación patriarcal que se instala e difunde a través da familia, e que tende a non modificarse cos cambios de goberno. O pater familiae, fose burgués ou proletario, mantiña en exclusiva a personalidade xurídica, mesmo se as súas mulleres eran asalariadas. O sindicalismo foi, diremos foi, inimigo das mulleres. Pode ser oportuno lembrar as palabras de Hubertine Auclert no 3º Congreso Nacional Obreiro de 1870: Cidadáns, proletarios, se queredes conservar os privilexios do sexo, eu pregúntovos, que autoridade tendes para protestar contra os privilexios de clase?

Séculos levamos as feministas loitando contra unha sociedade fraternal, de dominio de frates, herdeiros dos antigos patriarcas, para conseguir que a Igualdade, a palabra máis fermosa e clave da democracia, atinxa tamén ás mulleres e chegue a ser universal.

As circunstancias políticas polas que atravesamos nestes momentos no país, fan necesaria unha República que acabe cos restos do absolutismo, do poder fascista e o poder eclesiástico tan unidos coma sempre. A Igrexa, volve polos seus foros, está saíndo á rúa ultimamente para reivindicar a súa misoxinia e coutar as leis que dan autonomía ás mulleres. A República fixera unha política de secularización en certos aspectos superior á actual. Prohibía a educación dirixida por eclesiásticos, mentres hoxe, mesmo reciben salarios das arcas públicas. Coincidía, iso si, como hoxe, na proposta de Liberdade de cultos. Se me permitides, isto debería modificarse pola Liberdade Privada de cultos. Os asuntos da fe, das crenzas persoais, han ser privados. Cada quen que poña na súa casa o altar ou a alfombra orientada á Meca. O Estado debe construír Escolas e Hospitais públicos, non Mesquitas ou Santuarios.

Comprobamos como a Democracia é unha pantomima. Cando as feridas se pechan en falso, como pasou na Transición, collen pus. Agocháronse coa Lei de Amnistía, cunha lousa de amnesia sobre milleiros de crimes cometidos polo franquismo. Unha componenda para saír do paso foi o que consideramos o gran exemplo da transición española, digno de exportarse a outros países, Unha lei que nos condenou á non memoria, ao silencio. Ata que nos decatamos de que esa compangada estaba en contra dos máis elementais dereitos das humanas e humanos. O xuíz Garzón que foi quen de abrir as feridas podres de Chile ou Arxentina, está a punto de ser expulsado das súas funcións por intentar aquí o mesmo, denunciado pola ultra dereita racista e pola Falanxe española. Si, a Falanxe está viva e con poder de decisión neste país, exemplo de democracia. Os ecos de Cruzada resoan no ambiente. Póñensenos os pelos de punta!

Por iso, cidadanía viguesa, a República volve coller as características de outrora. Cando nin a corrupción máis noxenta acaba coa dereita, nin a pederastia confirmada do clero baixa os fumes do incenso, nin mitiga o poder eclesiástico, é hora de conseguir unha República laica e democrática.

María Xosé Queizan

14 de Abril 2010

Pode que che interese:

Deixa un comentario