Este pasado venres 19 de decembro de 2025, no local de Avenida Cánovas del Castillo (Vigo) celebrouse unha nova asemblea xeral ordinaria da Asemblea Republicana de Vigo.
O máximo espazo de decisión da Asociación avaliou o traballo desenvolto os últimos 12 meses. A Xunta Directiva rendeu contas das actividades, dos erros e acertos deste último ano.
O presidente, Celso López, fixo unha valoración positiva do traballo realizado pola Asociación e salientou o avance cualitativo e cuantitativo da Asemblea Republicana de Vigo que ano a ano vaise fortalecendo e posicionándose como unha das asociacións republicanas máis importante do noso país.
Na xuntanza, marcáronse as liñas de traballo para este vindeiro 2026, co horizonte posto na socialización da República como alternativa política de presente e de futuro.
Trala a celebración da asemblea ordinaria tivo lugar unha nova asemblea extraordinaria, tal e como mandatan os estatutos, na que se escolleu unha nova xunta directiva.
Despois de máis de dúas décadas de traballo militante, constante, solidario e abnegado, Celso López deixa a presidencia da Asemblea Republicana de Vigo, un relevo que chega nun momento de fortaleza para a Asociación, mostra do traballo realizado todos estes anos.
O conxunto da asemblea quixo deixar presente o agradecemento ao compañeiro Celso López que tras moitos anos a fronte da Asociación, continuará o seu traballo republicano como vogal na nova directiva.
A xunta directiva entrante, escollida por unanimidade, manifestou a súa vontade de continuar o traballo na mesma liña e agradeceu o traballo á xunta directiva saínte.
A nova presidencia da Asociación recaerá en Anxo Padín, compañeiro que formaba parte xa da dirección da ARV e que leva moitos anos de traballo constante a prol da República. O conxunto de socios e socias presentes trasladaron folgos e desexos de acertos á nova directiva.
Achegamos o discurso de Celso López, como presidente saínte da Asemblea Republicana de Vigo.
Xa hai moito tempo, diría que décadas, que veño exercendo o cargo de presidente da Asemblea Republicana de Vigo e xa o ano pasado por estas datas anunciaba o meu desexo de deixar o cargo. E non tanto por cansazo, senón porque con máis de setenta anos xa era tempo de ir deixando paso a outras persoas e outras iniciativas.
Ao longo de todos estes anos cheos, creo, de acertos, pero posiblemente tamén, con non poucos erros, fomos, mal que ben, tecendo entre todos e todas unha tupida rede de conciencia e sentir republicano que seguramente ten a nosa Asociación como o referente máis visible e activo na nosa cidade.
Unha Asociación que en menos dunha década e en combate desigual fronte a un relato monárquico moi presente e activo nos medios de comunicación e na vida social, institucional e tamén partidaria, mesmo, infelizmente, na autoproclamada esquerda, foi quen de triplicar o seu número de asociados e asociadas e ampliar o campo das súas actividades e o seu eco social entre a cidadanía viguesa.
Hoxe todo o mundo sabe que o 14 de abril de cada ano celébrase unha manifestación en Vigo pola República, e todo o mundo sabe tamén que quen convoca e organiza esa manifestación é a Asemblea Republicana de Vigo.
Unha manifestación, a única que esa data se celebra en Galicia, que tivo lugar por primeira vez en 2003 cun percorrido moi tímido, de pouco máis de trescentos metros, os que separan o Marco da rúa da II República.
Co paso dos anos e dese sentir republicano que latexa en nós sen que as veces nos decatemos ou sexamos conscientes do seu son, esa manifestación foi ampliando o seu espazo de acción para ir pasando das que saian dende a Farola de Urzáiz, ás que hoxe comezan na Vía Norte e rematan na xa citada rúa da II república, unha rúa así chamada, compre lembralo de cando en vez, grazas ao traballo da nosa asociación e a insistencia dos homes e mulleres que pelexaron para que fose denominada así.
A presencia da nosa Asociación na vida social e mediática foi ben visible tamén estes últimos anos en que en distintos momentos comparecemos pola vía xudicial, contra o rei Emérito e os esforzos da Facenda Pública por exoneralo dos seus presuntos delitos fiscais.
Estas e outra actividades, como celebración de conferencias, presentacións de libros, actos e iniciativas memorialistas varias e mentres se puido, organización de concertos, foron dando sentido de existencia á nosa Asociación grazas ao activismo e fidelidade dos seus socios e socias e tamén, sería inxusto negalo, ao traballo dos homes e mulleres que decidiron formar parte da Xunta directiva que tiven o privilexio e a honra de presidir ao longo destes anos.
Podería seguir enchendo espazo nestas cuartillas e ir nomeando, con máis precisión e detalle as iniciativas onde estivo presente a conciencia republicana que encarna a Asemblea Republicana de Vigo, pero creo que chega dabondo co aquí xa dito.
Só me resta darlle fin a estas cuartillas, dándovos a todos e todas vós as miñas máis sinceras grazas por facer que o republicanismo siga vivo e nos esmoreza aos pes dos que queren acabar con el e eliminalo da conciencia dos pobos.
Abaixo a Monarquía!
Viva a República!





