Este próximo luns 14 de abril ás 20:00, os republicanos e republicanas, demócratas e antifascistas de Vigo e da bisbarra sairemos novamente á rúa para entoar o forte berro colectivo de Fóra os Borbóns! Pola República.
As clases populares xa non aguantamos máis, a República é máis necesaria ca nunca, non como un anhelo se non como o paso necesario para camiñar cara un novo modelo de estado que poña no centro ao conxunto dos traballadores e traballadoras e as clases populares fronte ás oligarquías parasitarias.
A monarquía representa o peor da nosa historia, unha institución fóra de tempo que perpetúa e garante ó Réxime do 78 e a mal chamada transición.
A marcha, convocada pola Asemblea Republicana de Vigo, sairá dende o cruzamento da Vía Norte con Urzáiz e rematará, máis unha vez, na Porta do Sol onde o xornalista e militante de todas as xustas causas, Gustavo Luca dará lectura ao manifesto.
O acto concluirá cos himnos galego e da república, a cargo do gaiteiro Antón Sánchez e da violinista Laura Quintillán.
A Asemblea fai un chamamento a encher as rúas da cidade de Vigo, e insta a todas as organizacións sociais, políticas, culturais e sindicais a se sumaren a esta convocatoria.