PERXURO, ENCUBRIDOR, CÍNICO E MENTIRÁN

Celso X. López-Pazos *

Os media dominantes e os partidos dinásticos (PP, PSOE, CiU) pechan filas ao redor do Borbón. Queren frear o escándalo provocado polo seu xenro para que non se leve por diante á Monarquía . Con singular tesón, tratan de evitar que o dedo acusador da plebe apunte ao trono para facer recaer as culpas, exclusivamente, no ex xogador de balonmán e para que a súa filla, metida ata ao fondo nestes negocios fraudulentos e delictivos, non se vexa salpicada polo escándalo e poida librase dos tribunais. Magoa que a realidade sexa teimuda e haxa cousas que non vai ser doado agochar. Tanto que a mesma Coroa tivo que pasar polo mal trago de recoñecer que os negocios perigosos de Urdangarín xa eran coñecidos en Zarzuela desde había varios anos. Agora ben, calquera observador non apaixonado debería decatarse (se é que non esta adormecido por tanta mensaxe de distracción) que tal sorprendente e cómplice afirmación, nin escandalizou a ninguén, nin provocou debates de altura nos medios de comunicación de referencia. Poren, si que semella necesario escandalizarse e si que compre denunciar ata o aburrimento e de xeito machacón, a desfachatez e a impunidade propia do Antigo Réxime coa que o Rei Borbón e os que o secundan están tratando este asunto. Por iso, non hai que calarse, por iso hai que sinalar que si esto é así, que si en Zarzuela eran coñecedores de tal desaguisado, Juan Carlos Borbon tería dado, unha vez máis, outra volta de torca nas súas xa ancestrais practicas de mentirán patolóxico e desvergonzado infractor compulsivo das leis. Fagamos un pouco de historia.

En 1969 un Juan Carlos Borbón de trinta e un anos xuraba nas Cortes franquistas, diante dos evanxelios e do ditador que estaba sentado ao seu carón ”lealdade a súa Excelencia o Xefe do Estado e fidelidade aos Principios do Movemento Nacional e demais leis fundamenteis do reino”, recoñecendo nas súas propias palabras, “a lexitimidade política xurdida o 18 de xullo de 1936” e , xa que logo, unha lexitimidade como futuro monarca asentada no golpe de estado do 36 e en varias décadas de ditadura. Seis anos máis tarde e con Franco aínda quente no seu cadaleito, Juan Carlos volvía a xurar “ por Deus e os santos evanxelios cumprir e facer cumprir as leis fundamantais do Reino e gardar lealdade aos principios que informan o Movemento Nacional”. A aquel xuramento engadíalle sen pestañear que “unha figura excepcional entra na Historia. O nome de Francisco Franco será xa unha referencia no acontecer español e un fito ao que será imposible deixar de referirse para entender a clave da nosa vida política contemporánea”. Tres anos despois, promulgábase a Constitución de 1978. Daquela os xuristas da vila e corte e algúns prominentes actores da chamada “transición” recomendaríanlle ao o Rei que non cometera a torpeza de xurala porque, de ser así, cometería un delito de perxurio, cualificativo e condición que na practica ninguén lle pode xa discutir.

Agora o Borbón afirma e recoñece sen pudor algún que xa era coñecedor dos negocios fraudulentos do seu xenro tres anos antes de que o xuíz instructor e os medios sacaran á luz pública o escándalo . De ser así, e non hai razón para contradicir a tan egrexio personaxe, nos atopariamos con que ademais de perxuro, Juan Carlos sería encubridor dun delito a sabendas da súa existencia. Certamente Juan Carlos é I de España, pero podería ser tamén un perxuro e un encubridor.

Pero, aínda hai máis. Logo de escoitarlle dicir no discurso de Nadal, que a “lei é igual para todos”, e sabendo, como sabemos, que o artigo 56.3 da Constitución di textualmente que “ a persoa do Rei é inviolable e non esta suxeita a responsabilidade”, deberiamos – e non ao noso pesar – engadirlle aos xa posibles e acreditados títulos de perxuro e encubridor que Juan Carlos Borbón tería gañado a pulso, os non menos edificantes de cínico e mentirán.

 * Presidente da Asemblea Republicana de Vigo

Pode que che interese:

Deixa un comentario