Pilar Urbano e o caso Urdangarín

Celso X. López Pazos, presidente da Asemblea Republicana de Vigo

Nunha entrevista realizada nunha emisora de radio local, a xornalista Pilar Urbano afirmou, sen dubidar e de forma contundente, que o “caso Urdangarín” non ía afectar á monarquía como institución. E utilizaba dous motivos a xeito de exemplos. O primeiro, partía do principio de que o feito de que dous dos membros da casa real británica estivesen incursos en procesos xudiciais tampouco afectou á saúde publica da coroa de Isabel II. O segundo exemplo, nacía da hipótese de que tampouco tería afectado á república, como institución, que se descubrise que Don Manuel Azaña (nada menos) tivese un parente estafador ou malversador de caudais públicos. Habería, sen embargo, que recordarlle a Pilar Urbano un par de aspectos que, ao meu ver, convirten máis nun desexo que nunha realidade obxectiva, todas as súas seguridades sobre a boa saúde da coroa dos Borbóns. O primeiro é que, ao contrario da de aquí, a coroa británica existe, ininterrompidamente, desde Cromwel, (mediados do XVII) sen rupturas violentas nin guerras civís, provista dun modelo parlamentario desde aquela e aberta ao control publico e sen territorios escuros ou opacos e fora das fiscalización da cidadanía. Todo o contrario que a dos Borbóns. Canto ao segundo aspecto que atinxe ao desafortunado exemplo que ten a Don Manuel Azaña e a República como protagonista, compre lembrarlle a esta xornalista numeraria do Opus Dei, que a xefatura dun estado republicano é electiva e que por eso, a súa posición e a súa permanencia depende e esta lexitimada polo exercicio da soberanía popular a través do voto popular e non da herdanza. Porque, aquí, e por si Pilar Urbano xa o esqueceu, houbo un golpe de estado e unha guerra civil que acabou coa república e unha monarquía que instaurou un ditador. Estas diferenzas son esenciais e fan que este escándalo si poda afectar, e de que maneira, á monarquía de Juan Carlos Borbón

 

Pode que che interese:

Deixa un comentario