A princesa e o Chourizo

Veñen aparecendo ultimamente nos xornais bastantes informacións  relacionadas coas actividades empresarias, polo que parece ilegais e delictivas, de Iñaki Urdangarin, xenro de Xoán Carlos Borbón  e marido da súa filla Cristina. E digo ilegais e delictivas, porque  a fiscalía anticorrupcion de Baleares decidiu tomar cartas no asunto e comezou a facer rexistros e preguntas incomodas en relación ás actividades do ex-xogador de balonmán.  Mentres Urdangarin segue en Nova Yorke cobrando de Telefónica. Porén, o que agora aparece difundido nos media non é nada novo e ven de antigo. O que máis chama a miña atención, sen embargo, é a cobertura que os media dominantes esta dándolle ao asunto.  Que as paxinas de información dixital “vermellas” ou de “contrainformación” ( tipo Rebelión, Kaosenlared, Insurgente…..) espallen estas noticias, parece caseque necesario e “normal”. E non é esta unha información difundida  nunha esquina da paxina par dun xornal de provincias, senón que as grandes rotativas e canais radiofónicos están facendo un seguimento diario  e preciso do escándalo. E certamente, que os grande media  abran as comportas para anunciar a bombo e platillo as corruptelas e negocios suxos dos máis cercanos ao Trono non semella nada frecuente.  A non ser, claro esta, que teñan luz verde da Casa Real para facelo. E porque a Casa Real decide agora romper a censura informativa que durante caseque catro décadas serviulles  de manto protector contra as miradas dos curiosos.? Primeiro, porque o tema xa non se podía ocultar por máis tempo, sobre todo, co que esta caendo agora coa crise. Segundo, porque, ao meu ver, é moi probable que a separación civil e relixiosa do chourizo e a princesa sexa cousa de pouco tempo. E terceiro, porque unha vez producida a separación, será moi ben aproveitada pola Coroa para presentala como un exercicio de honestidade e honradez por parte de infanta Cristina: “mira que honrada, rompeu co seu marido para non vivir cun ladrón”, será a frase final do capitulo  dun episodio rosa. Pero esa frase final tamén terá, seguramente, a súa versión alternativa: “os que  dormen no mesmo colchón sonche da mesma condición”.

Celso X. López Pazos.

Presidente da Asemblea Republicana de Vigo

 

Pode que che interese:

Deixa un comentario