Españois, sodes idiotas?
Jesús Sanz Astigarraga
Xoves, 9 de Decembro de 2010 – Actualizado ás 04:12h.
HAI un problema laboral do colectivo de controladores aéreos que afecta ao 1,2% da poboación española (600.000 persoas) e case todos saltades como energúmenos pedindo ata o linchamento dese colectivo cando o día anterior fan outra reforma do sistema laboral máis restritiva, quitan os 420 euros de axuda a 688.000 parados que están na ruína e anuncian cambios drásticos a peor na lei de pensións que afectan ao 80% da poboación e ninguén se indigna nin di nada. Sodes idiotas?
Estades pedindo a berros ao Goberno que se apliquen medidas que quitan o dereito á baixa laboral, aos permisos retribuidos e ás horas sindicais, sacar militares á rúa, sodes idiotas?
Estades lendo que mentiron nos voos da CIA, no caso Couso, que González era a X do GAL, que xente do PP cobraba da trama Gürtel, que hai políticos que cobran máis de 230.000 euros ao ano, pero que nos custan máis de 3 millóns de euros, que a corrupción na política non é excepción, senón norma, que eles mesmos se adxudican o dereito a cobrar a xubilación máxima con poucos anos nas Cortes e a nós pídennos 40 de cotización, banqueiros que conseguen do goberno medidas duras contra os traballadores e que tiñan que estar no cárcere por delitos demostrados de fraude fiscal e non dicides nada, quítanvos diñeiro para darllo a esa xente que cobra centos de miles de euros ano, especula co noso diñeiro, defrauda a Facenda e seguides calados. Sodes idiotas?
Tedes unha monarquía que se enriqueceu nos últimos anos, que apoia aos poderosos, a EEUU, a Marrocos e a todo o que cheire a poder ou diñeiro, hereditaria como na Idade Media. Sodes idiotas?
En Inglaterra ou Francia ou Italia ou en Grecia ou noutros países os traballadores e os mozos maniféstanse ata violentamente para defenderse desas manipulacións mentres en España non se move case ninguén. Sodes idiotas?
Consentides a censura nos medios de comunicación, a lei de partidos, a manipulación xudicial, a tortura, a militarización de traballadores só porque de momento non vos afecta a vós. Sodes idiotas?
Sabedes quen é toda a gentuza das revistas do corazón, futbolistas supermillonarios pero xamais escoitades a ninguén como Saramago ou Chomsky ou outros mil intelectuais veraces e comprometidos cos vosos problemas. Sodes idiotas?
Se moita xente responde si, aínda nos queda un pouco de esperanza de conseguir acabar coa manipulación dos políticos e poderosos.
Se a maioría contesta non, entón estamos fodidos.