Pregón día das Letras Galegas

CON NOVONEIRA NA HONRA DA LINGUA E DAS LETRAS

MARIA XOSÉ QUEIZÁN

Cidadanía viguesa: Hoxe é día de suspender un momento a nosa marcha, a nosa leria, o noso ritmo, para deternos a escoitar. Escoitemos nas bocas antigas, as palabras que veñen do pasado, pronunciadas por séculos e séculos, cantos? once, doce?, tan lonxeva e veterana a nosa lingua, tan gastada e ao tempo renovada en cada século, en cada boca que a fala, en cada criatura que a aprende. Cantas veces dirían no pasado: colo, ardora, fume, lomba, bulir, luceiro? Canta fame nos legaron, canto arrepío, canto devezo, canto fulgor! De avoas en avós, xeración tras xeración, foi medrando a nosa mente con palabras que aínda hoxe pronunciamos, e outras que daquela non sabían. Escoitemos! Que pracer imaxinar aquelas bocas, tan antigas, falando coma nós! Que ledicia sentir os ecos das palabras que hoxe tamén articulamos. Unha lingua roda e medra, avanza, prospera como a xente que a fala. Unha lingua nunca se debería deter. Quen ousar?

Sentimos as palabras devanceiras e coidamos con esmero esa herdanza, anovamos as voces con sementes de raíces, árbores exóticas, millo e patacas, distintas como os sons. Na terra agromaron palabras das labregas, garridas e vizosas. Os mariñeiros deixaron fuxir, como peixes escapados das redes, os sons galegos polos océanos do mundo, para poder navegar con dornas ou gamelas, movidas por ondas enleadas de palabras.

Barcos e barcos, co vento de popa, levaron as nosas verbas emigrantes polos portos, espallando no exilio palabras de nós, Sendo así que no último recanto do universo, rostros atentos, persoas engaioladas con bocas grosas e negras, escuras e indias ou finas e brancas, ceiban os sons galegos e seguen o noso cantar.

Porque a música axéitase a esta lingua, a música buliga no seu cerne. Xa en tempos ben remotos cantaban melopeas no traballo, alalás de namorar, muiñeiras para danzar. Aielelo, aielalo, que alegría nas romarías con este noso repenicar!

Escoitemos con deleite a lingua escollida pola lírica. Cal mellor para entoar as fermosas cantigas de amigo e de amor medievais? E no sagrado de Vigo/ bailaba corpo belido, amor hei, dicía a moza namorada no adro da Igrexa, mentres a súa irmá miraba o mar no Berbés, e preguntaba polo amado que non chegaba, Ai ondas do mar de Vigo, se sabedes novas do meu amigo, laiándose da ausencia do seu mozo. Daquela foi a nosa a lingua predilecta para o amor, elixida por todos os poetas, tamén os casteláns e aragoneses, enfeitizados pola súa harmonía.

Moita poesía lle deu despois alento e gran valor. Rosalía aferrou no seu ventre o noso verbo e escribiu con fame e con audacia unha fascinación. Mollou a pluma no seu sangue e foi arando nas palabras. Medraron altas e son o noso orgullo. Pondal, como bo alquimista teimou ata convertelas en ouro, e Curros usounas de aguillón anticlerical e pertinaz crítica contra a opresión. A escrita fíxose bastión, alento da xustiza, e, como a arte, adobío. Libros e libros viñeron e virán a encher con palabras a terra e a xente, a dar testemuña do noso pensar.

Escoitemos tamén resoar a lingua galega alén dos nosos mares, en Brasil, Mozambique, Cabo Verde, Timor…. Son nosas as palabras verdes e vigorosas da selva, perdidas no vasto mato do Amazonas, arrepiadas polos caimáns, asombradas polos baobabs, embebidas polas augas de inmensas cascadas. Mais non son rechumidas nos duros sertôes. Saben como florecer no deserto.En todos os climas poden os nosos sons agromar. Recenden en distintas flores.Os loros de Madeira repiten voces nosas. Embelécese nas cancións, cadencias, ritmos tan diversos de África ou América. Canto festexo, canto xúbilo nese agasallo sonoro!

Escoitemos: as palabras veteranas das bocas de outrora!: navegaron os mares, asentáronse en terras afastadas, empréganse en moitos países.

Novoneyra escribiu:

Todos teñen o orgullo

De falar como falan

Coma nós.

As palabras co tempo puxéronse maduras, alcanzaron prestixio, ensínanse nas aulas, van á universidade. Fixéronse científicas, escribiron ensaios e boa literatura, navegan internet e mesmo cantan rap.

Son moitos, moitos séculos falando nesta lingua, e nela seguiremos, con orgullo e pracer, repetindo as palabras, tan vellas e tan novas, lembrando aquelas bocas que nolas transmitiron, unindo as nosas bocas, agradecendo a teima de seu e a nosa, esa paixón.

Tamén coas nosas bocas falamos outras linguas con avinza e ilusión Porque as linguas nos unen e conxenian. Só o odio separa, só a ignorancia disgrega. As palabras comunican, instrúen, orientan no camiño, abren as mentes e a razón. Cada lingua é un tesouro e contén pensamentos e emocións. Gardemos o noso talismán con orgullo pois ten un alto prezo.Lingua galega, fermosa e ilustre, celebrámoste hoxe coa mesma certeza que Novoneyra cando escribiu:

Chegamos eiquí con esta forza

e agardamos non perdela xa

por maior embate ou escuro longo.

Sabemos que o misterio e a necesidade nos protexen

e coma na profecía feita ca nosa luz

cando un mesmo non vía

volvemos

volveremos proclamar a certeza.

Pode que che interese:

Deixa un comentario