OS BORBÓNS ESPIDOS: DE MARÍA CRISTINA A JUAN CARLOS

Por Miguel Ángel Sanz Loroño, Profesor de Filosofía e Doutor en Historia

Pasaba século e medio da abdicación de Sabela II no seu fillo Afonso, e os Borbóns estaban, coma nas populares caricaturas, en pelota. O Rei Sol facía do Estado seu capital naquela frase tan recordada, que non se sabe cando a pronunciara O Estado son eu. Pois na Casa Real española todo era sempre para un, o Rei, no canto de un para todos, como quer a lenda dos mosqueteiros.

No tempo absolutista de Luís XIV e de Filipe V, tío e sobriño, o monarca era a chavella do sistema e a armadura da aristocracia, cedente dalgúns seus privilexios para se protexeren fronte aos labregos e o futuro. Pasado o Dezaito, coa súa xeira de Luíses, Carlos e Fernandos, a monarquía renuncia ao pó de arrós e a graza divina con tal de salvar o pescozo. Á familia chegáralle ben cun Borbón pasado pola guillotina dos xacobinos, para un par de Luíses de propina. Con todo, a guillotina non acelerou a historia na Península e houbera de agardar que Fernando VII afógase nos seus excesos, para que o Estado deixase de tremer ao son da súa respiración pantagruélica.

Morto o rei absoluto, a figura do monarca pasou, guerra civil mediante, de alicerce do réxime a clave de bóveda do sistema. Cando Fernando VII entra no pudridero de San Lorenzo do Escorial en 1833, a súa viúva, María Cristina de Borbón, sobriña do finado e nai da herdeira, fíxose coa Rexencia en troques de darlle o goberno aos liberais, que temían máis aos carlistas do que detestaban á raíña nai. Para acomodaren o Antigo Réxime ao capitalismo, tiñan que avalar o que antes, durante o Trienio Constitucional abortado por unha invasión francesa demandada polo rei Fernando, non estiveran dispostos a pasar nin cun saco de viño.

No novo estado liberal, que non democrático, abondaba un rei con atribucións, mais non absolutas. Dependendo da intelixencia do monarca, este podía queimarse facendo seu o Estado, ou, pola contra, podía facerse perigosamente invisíbel coma un floreiro. Os Borbóns non deron acertado co punto medio, agás, sendo xenerosos, Afonso XII, que marchou para a cova antes de peregrinar o exilio.

O paso da condición de súbdito á cidadán non é algo que unha monarquía acepte polas boas: deitarse sendo rei pola graza de Deus e levantarse amarrado por unha Constitución. A risa, como o pranto, vai por familias ou por casas, e nas reais, mesmo as bágoas confúndense cos chistes macabros.

Para Talleyrand, aos Borbóns fóraselles a man no costume rexio do latrocinio, mesmo que o verdadeiro problema residía, con todo, na institución mesma, confundida coa persoa e viceversa. Toda monarquía é, por definición, a privatización da cousa pública (res publica) pois un rei considera dereito o que constitúe un privilexio. A isto, que na época dos Luíses e Filipes, dos señores e os servos, chamaban graciosa maxestade, arestora no pasa de ser a lexitimación dunha anomalía na que o ilegal para todo o mundo, pode ser legal para un só. As casas reais adoitaron confundir nación e Estado, institución e persoa, vontade e capricho. Razón pola que, virtudes ou vicios individuais á marxe, os Borbóns fixeron papelóns de comedia escritos con caligrafía de traxedia.

Experta na mestura de ambos xéneros, María Cristina fixo da súa capa de viúva un saio de sete estralos. A Rexente e o seu marido, un garda de escolta ennobrecido por méritos de alcoba como duque de Riánsares, fixeron magas coas minas, o tráfico de escravos e outros estraperlos famosos. Así comeza o tan nomeado borboneo, ou arte de buscar nas funcións rexias dadas pola Constitución, o xeito de mollar o pan en todo negocio, político e económico que se cocese no reino. Gañada por méritos propios a inimiga dos novos xerifaltes do sistema liberal, María Cristina deixou a Rexencia en mans do xeneral Espartero para conservar dinastía e fortuna. Fuxiu a Francia, mais dende alí combinou a súa volta e a do seu marido co xeneral Narváez, o Espadón de Loja, que tiña por costume gobernalo todo coma un cuartel ou unha facenda de escravos.

Derrubado Espartero en 1843, regresaron María Cristina, o seu marido e a chamada Corte de los Milagros, isto é, unha grea de curas, monxas e arribistas de mal agoiro. Declarada Sabela maior de idade aos 13 anos e asentada a tropa milagreira para facer de Madrid negocio e cortijo, saquearon o reino de cribo para cacho. Sen luces para máis, Sabela rodeouse de xenerais con peito condecorado e de piratas de sombreiro de copa que fixeron do sistema un garito. A arbitraria modernización do territorio realizada baixo seu reinado, fíxose saldando a propiedade pública en compravenda frenética, con licencias de minas para troco e porcentaxe e no medio un sistema fiscal ineficaz e regresivo. Nesta transición do feudalismo ao capitalismo, non houbo gran negocio aprobado en España no que a Corte non metese a man, a espada ou o rosario. O Estado, malia todo, seguía sendo seu e dos seus milagreiros.

En 1854, o pobo da Vila e Corte, con todo, dixo que xa abondaba. Aproveitando un golpe do Partido Progresista, que levaba dez anos sen pisar alfombra vermella, os madrileños queimaron a casa do marqués de Salamanca, especulador ínclito, e a do primeiro ministro de quenda, un dos Sartorius elevado a conde de San Luís por un capricho da raíña. A vista do lume, María Cristina e o seu marido fuxiran coas alfaias nas enaguas. Sufocado o furor revolucionario polo propio progresismo, que temía ao pobo desbocado, Sabela II volveu ao borboneo. Que a raíña ficase, finalmente, espida, era só cuestión de tempo. En 1865, coa Facenda crebada, o goberno de Narváez poxou bens do Estado que a raíña consideraba propios. O Espadón de Loja comentou que a raíña fora xenerosa como sempre por ter cedido o 75 por 100 do valor da venda ao fisco, quedando ela co 25 por 100 do chambo. Esta confusión do Estado coa monarquía, e o que era de todos co de unha, incendiou non só o goberno, senón tamén a dinastía.

A mordida disfrazada de xesto xeneroso co que se adornou Sabela, o rasgo do que falou Narváez e sobre do que escribira Castelar, prendeu a noite de San Daniel e deixou sobre a Puerta del Sol máis dunha ducia de mortos a mans da Benemérita. O ano seguinte, 1866, unha sublevación en San Gil, saldouse co fusilamento de medio cuartel, pois a raíña esixiu balas para castigar a rebeldía. Envorcado na lama, o sangue e a miseria, o trono afundíase. Milagres, de telos habido, xa non había máis.  O seu San Martín, ao dicir dunha revista da época, chegou trala creba das compañías ferroviarias. A alta burguesía, creada ao calor das vendas de terras, a débeda pública e o ferrocarril, tecera e destecera o reino ao gusto da súa carteira. Con Sabela II gañaran todo, pero agora non querían perder. Non ían xogar a bolsa e a vida por unha raíña carbonizada.

Ao cabo doutro pronunciamento e unha derrota realista en Alcolea, Sabela , chamada La Castiza nos seus días de gloria e la de los Tristes Destinos nas súas tardes de exilio, marchaba abandonada polos de arriba e escarnecida polos de abaixo.

Pasado o Sexenio Democrático (1868-1874) ao grito de Nunca Mais os Borbóns, a dinastía voltou a España noutro xiro sarcástico da historia. Seis anos de Amadeo de Saboia no trono, frugal e honesto en termos borbónicos, e a seguir a I República, federal, cantonal e unitaria. Os pronunciamientos de Pavía e Martínez Campos contra a pantasma democrática, precederon a Afonso XII, cabaleiro namorado, martelo de camas e viúvo melancólico, que durou menos ca un salaio. Os seus dez anos de reinado bastaron para Cánovas e Sagasta restauraren un réxime bipartidista, oligárquico e represivo, ao que outro Afonso, fillo póstumo do anterior, ía dar real couce.

Afonso XIII era langrán, torticeiro e caprichoso, méritos cativos para erguer un reino derramado polo Desastre do 98 e a loita de clases. Amante da velocidade, a pornografía e os uniformes, xogou o papel dun káiser castizo, afeito á modernidade e populista sen graza. Borboneou nunha España na que o exército, afeito a metrallar folguistas, xornaleiros e anarquistas, quería vingar o Desastre con disciplina cuarteleira na Península e en Marrocos. Con estes vimbios, fixo e desfixo gobernos, defendeu militares milhomes, tirou moreas de cartos que non lle pertencían e confundiu outravolta o Patrimonio do Estado co seu propio. De remate afundiu a monarquía ao unir a súa sorte á do xeneral Primo de Rivera. Non por casualidade, o golpe de Estado de Primo deuse xusto cando ían coñecerse as implicacións do rei no desastre militar de Annual, ocorrido dous anos antes. Para entón, o sistema de partidos creado por Cánovas e Sagasta apenas sostiña á oligarquía. O rei aceptou entón a ditadura do que el, elocuentemente, chamou mi Mussolini, un xeneralque o único que fixo foi desarmar o sistema de partidos e deixar ao rei, de novo, espido.

O 14 de abril de 1931, Romanones comunicou ao rei que mesmo no seu feudo votaran alcalde republicano. Afonso XIII marchou amargado ao exilio sen renunciar aos seus dereitos dinásticos, legados ao seu fillo don Juan, destinado a ser só fillo e pai de rei.

Ao sanguento espolio de España polo franquismo da posguerra e marea desarrollista, sucederon a Transición e a modernización socialista, que bendiciu a cultura do pelotazo co puño e a rosa. Nestas prebes mollou salsas andou, con campechanía runfante, Juan Carlos I. Pero cumprida certa idade, din os seus cronistas coñecidos, ao rei empezoulle a dar igual oito que oitenta. Vista a tea como viña de estampada, a don Juan Carlos apartárono do trono por medo a don Filipe quedar con herdeiras pero sen coroa, e por terror do sistema ver súa chave esnaquizada no chan.

Designado herdeiro polo xeneral Franco, non foi até 1977 cando don Juan de Borbón cedeulle os dereitos dinásticos, facendo da instauración franquista unha restauración borbónica. Descartado por Adolfo Suárez un referendo sobre a forma de Estado, por medo a perdelo, encaixouse a monarquía na Carta Magna como prenda do acordo para pasar da ditadura á democracia. O errado golpe de Tejero permitiulle substituír unha orixe ignominiosa por outra menos impresentabel, que os cronistas elevaron a providencial e histórica. Consolidado no trono como pai da democracia, todos os que non querían morrer de frío na estepa republicana fixéronse juancarlistas, que non monárquicos, porque este termo implica vasalaxe, e ninguén quería pousar de estafermo de lacaio para a historia.

 O que sigue é precisamente, vasalaxe tácito e silencio diante dos atropelos; anécdotas de milhomes e de Bribón caralavada; portadas rosas en Mallorca e portadas brancas en Zarzuela. O idilio chegou ao cúmio no ano prodixioso de 1992, primeiro, e nas vodas das infantas e o príncipe, despois. Nin as caídas dos seus coñecidos (un monarca non ten amigos, senón debedores e favoritos) Javier de la Rosa e Mario Conde, déronlle roubado nin un chisco de serenidade. Só cambiaron as tornas coa recuperación da memoria censurada e a depresión económica desatada en 2008.

As estafas do xenro, alias el duque empalmado, o elefante fusilado en Botswana e o sorriso recauchutado de Corinna, desvelaron o que non se podía pronunciar. A impunidade, ben asentada para quen non rouba galiñas, parece, simbolicamente, morta. 

No foco das cámaras pola crise económica, o rei dixo, para conmoción de quen non estaba no segredo, que non volvería a ocorrer o mesmo. Dous anos máis tarde, co reino crebado e o monarca nas portadas, o príncipe abriu a saída de urxencia para asegurar a continuidade da dinastía. Polo ben da estabilidade nos mercados e a continuidade nos pelotazos, a consulta sobre a república xulgouse innecesaria.

 A demofobia (medo ao pobo) deste xesto é o corolario dun reinado marcado polos tupidos veos e os consensos manufacturados. España, din, non pode arriscarse a xogar ao voto coa xefatura do Estado, pois os plebiscitos, como as armas, cárgaos o diaño. Con todo, as presuntas comisións sauditas do pai e os sobriños licenciosos, puxéronlle a Filipe VI a coroa en saldo. Forzado polas circunstancias, o rei deixou que a ingratitude ou a historia pacese a xeito en don Juan Carlos.


O rei emérito danos por fin outro agasallo facendo unha declaración complementaria; outro aceno digno de mérito coma o que terminou poñendo a Sabela II na fronteira. O tempo dirá se as actas de Filipe VI van ser de traxedia ou farsa, pero a caligrafía desa historia será, sen dúbida, digna de calquera monarquía.

 Fonte: https://www.elsaltodiario.com/peninsula/borbones-desnudo-maria-cristina-don-juan-carlos

Esta entrada foi publicada en Artigos. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *