DECLARACIÓN DA ASEMBLEA REPUBLICANA DE VIGO

Vigo, abril de 2020

Sabemos, dende a escola, que onde exista a figura dun Rei non hai democracia plena, que onde haxa cargos públicos herdados non existe posibilidade de expresión da vontade popular. Isto é indiscutible. Pero é que ademais, no caso do Reino de España e á marxe do espazo aberto coa abdicación de Juan Carlos Borbón, os continuos escándalos de corrupción que salpican de forma constante á Casa Real (nos esquezamos o caso Nóos) fan cada vez máis necesario o cambio de forma de estado.

A institución monárquica, instaurada en 1975 como herdanza directa da ditadura e construída como eixo basilar onde asentou unha transición que hoxe revélase como fracasada e superada, non pode continuar exercendo nin un só día máis a xefatura do estado para poder así seguir mantendo a impunidade máis absoluta sobre as súas estafas e negocios ilegais que cada día coñecemos con maior precisión e de xeito documentado.

Dende a Asemblea Republicana de Vigo esiximos non só a derrogación inmediata do artigo 56.3 da constitución que declara “a persoa do rei como inviolable e non suxeita a responsabilidade” senón que reclamamos á Fiscalía e aos Tribunais de Xustiza que cheguen ata o fondo na súa investigación dos negocios de Juan Carlos Borbón e ao Congreso dos Deputados que rectifique e constitúa unha Comisión Parlamentar para investigar os negocios corruptos e fraudulentos do rei emérito e, xa que logo, da Casa Real.

Dende a Asemblea Republicana de Vigo cremos que a desaparición da Monarquía e a loita pola República debería de estar presente no discurso e na axenda dos partidos políticos que se reclaman transformadores e progresistas e debería formar parte das súas dinámicas electorais e de comunicación. Parece cada vez máis imprescindible levar a cabo un proceso de republicanización da vida pública, política, cultural, social e laboral que faga necesaria a convocatoria dun Referendo vinculante para decidir a forma de estado.

Dende a Asemblea Republicana de Vigo cremos que este é o momento, e facemos un chamamento á cidadanía a que se mobilice para acadar estes obxectivos democráticos.

Pendura a bandeira republicana do teu balcón este martes 14 de abril e secunda a cazolada que terá lugar ás 21:00.

VIVA A REPÚBLICA!

ABAIXO A MONARQUÍA CORRUPTA!

REFERENDUM VINCULANTE XA!

Esta entrada foi publicada en Artigos. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *