COMUNICADO ASOCIACIÓN VIGUESA POLA MEMORIA HISTÓRICA DO 36

 

A PROPOSITO DAS DECLARACIONS DE ABEL CABALLERO SOBRE A DECISIÓN DO TRIBUNAL CONSTITUCIONAL SOBRE A CRUZ DO CASTRO DE VIGO

A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 vén sendo obxecto, por parte do alcalde de Vigo, Señor Caballero, dunha enfermiza e disparatada campaña de acoso e difamación que diante da gravidade de tales feitos, obríganos a respostar publicamente. E isto é así a raíz da resolución do Tribunal Constitucional do 20 Novembro do 2015 de non admitir a trámite o recurso de amparo presentado por nós para que dito tribunal se posicionarse sobre a demolición da Cruz do Castro

Resulta absolutamente incrible que o Sr Alcalde ouse, coa máis absoluta impunidade e desprezo, criminalizar a nosa asociación e definir aos seus integrantes como “folloneros” e enredadores” e, mesmo, nunha linguaxe propia dos mellores anos da ditadura, a etiquetalos co cualificativo “dos mesmos de sempre”.

Eses “ mesmos de sempre”, aos que se refire o Sr Caballero, non son os entes abstractos aos que era tan adicta a retórica franquista, agora resucitada co mesmo ardor guerreiro polo rexedor vigués. Eses “mesmos de sempre” temos nome e chamámonos Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 , unha asociación legalmente constituída e rexistrada, cunha Xunta Directiva coñecida por toda a sociedade viguesa e os medios de comunicación e que, como o alcalde de Vigo seguro saberá, cualificada polo pleno do Concello en 2007 como Viguesa Distinguida.

Chámanos “enredadores” e folloneros” É posible que o sexamos, do mesmo xeito que, salvando as distancias, o foron tamén Copernico ou Galileo cando puxeron do revés o concepto da ciencia na súa época. E somos si, “enredadores e folloneros”, só coa condición de que a esa acepción se lle engada, como característica moral e insubornable, o feito de non querer pregarse ao ritmo que o Sr Alcalde quere impoñer ao devir da cidade e a soberanía de decisión dos colectivos que representan o seu tecido asociativo. Trabúcase o Sr Caballero, como sempre ocorre coas personalidades narcisistas e personalistas como a súa, se cre que os vigueses lle deron os votos para que non derrubase a Cruz do Castro e, trabúcase tamén, como ocorre coas personalidades egocéntricas e autoritarias como a súa , se pensa que os seus desexos deben coincidir sempre cos desexos de todos e cada un dos vigueses e viguesas.
Di Abel Caballero que von esta sentenza a nosa asociación sufriu unha “desautorización brutal”. Vexamos en que grado

1. O Tribunal Contencioso Administrativo nº1 de Vigo condenou ao Concello a responder no prazo de 30 días aos requerimientos da AVMH

2. O Tribunal Contencioso Administrativo nº2 de Vigo condenou ao Concello á retirada da Cruz franquista do Castro.

3. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aceptou o recurso do Concello para non derrubar a Cruz do Castro con dous votos a prol de mantela e un en contra.

4 O Tribunal Constitucional non acepta a trámite o recurso presentado pola AVMH na TSXG.

Compre sinalar neste último aspecto, que o alto tribunal, simplesmente, non admitiu a tramite o noso recurso, pero nada dixo, nin sequera se pronunciou, sobre a demolición da Cruz. E é esta unha desautorización total sobre a demanda de derrubar a Cruz?. Parece que existen máis que dúbidas razoables de que non é así

Declara o Alcalde de Vigo que os membros da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 teriamos que pedir desculpas. Desculpas de qué? De sentírmonos orgulloso ao pretender facer cumprir a Lei de Memoria Histórica? De que 4000 persoas (entre elas algún membro do seu partido con responsabilidades hoxe no goberno municipal e na deputación) e 30 colectivos secundasen a nosa proposta de derribo da Cruz do Castro? Ou é que os que teñen que pedir desculpas son Telmo Comesaña Pampillón ou Antonio Monroy, membros da nosa Asociación pero que representan a miles e miles de vitimas da ditadura por pedir que derruben esa cruz que simboliza as accións dos que asasinaron aos seus pais e deixaron viúvas e orfos? E a maiores. Tamén teñen que pedir desculpas os dous xuíces do Contencioso Administrativo de Vigo e a maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que apoiaron a nosa demanda?. Tamén eles son “folloneros” e enredadores”?

Todo Vigo sabe que a AVMH, repetimos Viguesa Distinguida, non é nin representa a partido político algún. Esto sabeo tamén perfectamente o Sr. Alcalde. Por iso, cando afirma que a nosa asociación se move por intereses partidarios, minte a mantenta, minte con esa facilidade que teñen as personalidades como a súa para deformar a realidade e levala ao seu rego.

Para rematar recomendariámoslle ao Señor Abel Caballero, Alcalde de Vigo, que, do mesmo xeito que gosta de inmortalizarse graficamente nos medios de comunicación coa súas conquistas e logros (outra vez o rasgo narcisista) se faga unha foto ao pe da Cruz do Castro co signo da vitoria nas súas mans, para que así, a Cruz Franquista do monte do Castro e a súa figura como Alcalde de Vigo, atopen, xuntas e irmanadas, un lugar sobranceiro nos espazos da ignominia e a vergoña que as futuras xeneracións de vigueses e viguesas saberán identificar.

Vigo, 28 Novembro 2015

Esta entrada foi publicada en Artigos. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *