Manifesto 14 de abril Vigo 2015

Amigos e amigas: parabéns! Porque hoxe é un día de festa. Un día para a ledicia. Un día no que os demócratas celebramos na rúa o triunfo da República. Como o fixeron os nosos devanceiros o 14 de abril de 1931, na maior explosión de felicidade colectiva que este país de países teña vivido en toda a súa historia.

Hoxe é un día de festa. E, non obstante, celebrámolo nun lugar que evoca unha traxedia. Aquí, os republicanos, os demócratas e todos os seres humanos de ben recordamos aos cidadáns de Vigo que, en xullo de 1936, foron asasinados polas balas da sublevación fascista. As balas dos que só tiñan a violencia e a barbarie como argumentos mataron vinte vigueses que caeron aquí, a carón da Porta do Sol.

Naquel recanto da praza, xa entrando na rúa Policarpo Sanz, aínda se conservan as marcas dos disparos. Como os que mataron a Lenin Moreda Vázquez, un rapaz de só 14 anos, considerado o primeiro mártir vigués da represión.

Nos días que seguiron, instaurouse O Terror. Aí adiante, na rúa do Príncipe, vendía xornais Rosario Hernández, A Calesa, unha rapaza de só 16 anos, sempre alegre, sempre rindo, sempre cantando os lemas na cabeza das manifestacións obreiras da súa época. Xamais pagaron polos seus crimes aqueles matóns que a apresaron, violaron e torturaron salvaxemente, para botar o seu corpo no mar das illas Cíes.

Pero hoxe é un día de festa. Un día para recordar á Calesa que ría, que voceaba as novas dos xornais, que era a ledicia das reunións no sindicato, e que tiña unha felicidade que tanto molestaba aos malnacidos que devecían por asasinala.

Hoxe quedamos coa Calesa que foi feliz un 14 de abril. Aínda que non esquezamos a dor dos mortos, dos asasinados, dos encarcerados, dos exiliados, dos represaliados… Aínda que hoxe siga a ser máis difícil abrir unha fosa común do franquismo nunha cuneta que atopar o corpo de Miguel de Cervantes sachando polas igrexas… Aínda que siga no Castro esa cruz infame inaugurada polo propio dictador… Aínda que non teña habido xustiza nin reparación… Aínda que ás veces teñamos tantos a impresión de que vivimos entre os refugallos do franquismo, senón é no franquismo mesmo…

Pero todo isto non nos pode roubar a ledicia. Porque estamos de parabéns hoxe, 14 de abril, os demócratas e as demócratas, os homes e mulleres que cremos que un mundo xusto é incompatible cunha monarquía, e que os valores republicanos encarnan a verdadeira democracia. E quizais deberiamos aproveitar esta ocasión para facer autocrítica. Porque, ao recordar os mortos pola democracia, ao denunciar tanta inxustiza, ao sinalar tanto crime sen reparación, ás veces esquecemos a alegría da celebración. Esquecemos que a República é felicidade. E que estamos na obriga de transmitir e de contaxiar esa felicidade a todos os cidadáns, que cada día abrazan con máis ilusión a causa republicana.

Así o din as últimas enquisas e sondaxes. Malia a caricatura que moitos medios de comunicación fan do movemento e dos ideais republicanos, cada ano máis cidadáns cren que é preciso un cambio que leve a unha República.

Vivimos tempos en que se agachan as ideas. En que moitos tentan navegar entrambas augas, foxen de definirse ou de abranguer símbolos como a bandeira tricolor, tan honorable e tan democrática, que moitos levades hoxe nas vosas mans.

Por iso, nun día de festa como hoxe, 14 de abril, vivamos todos e todas a alegría de ser republicanos. De crer nos valores da República, da liberdade, da igualdade e da fraternidade, da convivencia entre culturas e nacións, da afirmación do laicismo para o Estado, dos principios dunha educación para todos e unha sanidade pública, da honestidade no goberno e a participación da cidadanía. E do fin dunha monarquía onde o poder é para sempre e se herda atentando contra o sentido común e contra os dereitos e liberdades básicos, recollidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

É tempo de república. É tempo de mirar cara a adiante. É tempo de alegría, porque este é o noso día. Esta é a nosa hora. E saberemos contaxiar a nosa ilusión como demócratas cara á festa da liberdade que está nos xenes dos nosos valores republicanos.

Alegrémonos. Recuperemos o sorriso de Rosario Hernández, A Calesa. A ledicia dunha rapaza de Vigo que un día como o de hoxe, un 14 de abril, foi inmensamente feliz, porque chegaba a República…

Con iso quedamos, coa devezo e a ilusión daquela rapaciña de só 16 anos que hoxe mesmo, un día de hai 84 anos, choraba aquí de ledicia.

Como a que temos que sentir hoxe, porque é o día da nosa festa, a dos demócratas. Sempre cara a adiante, cos valores republicanos. Porque xa está a chegar o día. E haberá mil primaveras máis para ela.

Viva a República!!!

14 de abril de 2015
Eduardo Rolland

Pode que che interese:

Deixa un comentario