A limpeza de sangue do candidato Rajoy

G. Luca

A comezos dos 80, Mariano Rajoy estaba convencido de os privilexiados por nacemento teren mellores opcións na vida por mor dun superior legado xenético. O candidato do PP á Moncloa era daquela deputado fraguista no Parlamento de Galiza, presidente da Deputación de Pontevedra e secretario de Relacións Institucionais da Xunta.

En artigos e entrevistas de radio e prensa, Rajoy aseguraba que nada pode haber máis contrario ao progreso ca a “obsesión de la igualdad”. Os artigos “La Envidia Igualitaria” e “La Desigualdad Humana”, destacados na páxina de opinión de Faro de Vigo no 83 e 84, son un resume da súa defensa dos “fillos de boa estirpe” e da necesidade de respectar e protexer a superioridade xenética xa que se trataba dun resultado da selección natural.

Pola confianza que lle demostraban Fraga e os pos-franquistas madrileños agrupados arredor de Alianza Popular, Rajoy promovia nos medios a imaxe de home forte do partido en Galiza e anticipaba o nomeamento de vice-presidente da Xunta. Para este ascenso que o convertiría en sucesor natural de Fraga a fronte dos franquistas apuradamente carrozados en demócratas, Rajoy tiña que tumbar a Xosé Luis Barreiro Rivas, bombeiro de Fraga para apagar os lumes diarios entre as clientelas provinciais.

Os empeñados en reorganizar o caciquismo franquista nun partido conservador centralista con decorado galeguista, estaban obrigados a superar aos que como Rajoy esixian trato de privilexio por pertenceren a unha elite política e por formar parte das grandes carreiras da Administración. Rajoy reclamábase fillo e neto de notabeis e opositor de éxito. Xosé Cuiña o Barreiro Rivas presentaban a súa capacidade para organizaren clientelas. Na batalla pola lexitimidade dos franquistas, os muñidores de votos e compromisos eran o activo financeiro. As pretensións dinásticas de Rajoy, un discurso de privilexio e continuidade centralista imposibel de vender.

Aillado de esa prática caciquil baseada en míseros acordos e transaccións diarias, Rajoy leva aos medios a explicación e fundamento do seu privilexio. Na realidade, escribe contra os seus rivais dentro do fraguismo. O argumento tómao dunha tendencia ideolóxica da bioloxía norteamericana e inglesa que consiste en que todo o que somos, a nosa condición física, a capacidade intelectual e a mesma estrutura da sociedade na que vivemos, xa estaban escritos no noso ADN. Na metáfora de Richard Dawkins, o autor de “O Xen Egoista”, apenas somos “robots desvencellados” coa memoria central e o programa operativo escritos no ADN.

Como recorda Richard Lewontin, este determinismo biolóxico fora usado para explicar e xustificar as desigualdades dentro das sociedades e entre os povos e para afirmar a inmutabilidade de tais desigualdades. Non é que o ADN non teña unha influencia poderosa sobre nosa anatomía e a nosa psicoloxia mais é un absurdo pretender que determine a vida.

Esta determinación biolóxica válelle a unha clase para xustificar as desigualdades de status, riqueza e poder sobre outra, igual que a acumulación colonial se fundamentara na cor da pel. E se a ciencia proba –como argumenta Raxoi– que xa fomos determinados xeneticamente, que razón ten estragar tempo e recursos nas persoas que foran programadas dende nacimento con menos cualidades?

A medida da utilidade reaccionaria da sociobioloxía está no manual de E.O.Wilson, que caracteriza a especie humana pola súa malevolencia universal, o chauvinismo, a xenofobia, o amor á propriedade e a dominación agresiva dos homes sobre as mulleres. Se cadra por estar máis próximo do tópico de taberna ca do razonamento científico, o libro de Wilson foi recibido coma un catecismo pola dereita franquista pavorecida pola evaporación das institucións da Ditadura.

Manuel Moure Mariño e Gonzalo Fernández de la Mora, dous propagandistas de Franco que na altura dos 80 non teñen xa que lles atenda as saudades do Estado Corporativo, son os encargados de transmitir a Rajoy o virus da sociobioloxía de Dawkins e Wilson. Un contaxio de segunda man e algo pendido para os consellos de Escrivá de Balaguer sobre a envexa e o resentimento de clase. Declarando a estes pensadores os seus autores de cabeceira, Rajoy séntese reconfortado ideolóxicamente. Mesmo se anima a colocar as táboas de Mendel como precedente científica da sociobioloxía.

A retórica da desigualdade xenética resume a guerra dos “birretes” contra “las boinas”, en expresión de Rajoy. Os das puchas sabían como defenderse e distribuian copias dos artigos racistas de Mariano Rajoy para bloquear as súas aspiracións á vice-presidencia da Xunta.

Unha crítica ao reaccionarismo das opinións de Rajoy publicada no número 265 do semanario A Nosa Terra, mobilizara a persoas do entorno político do actual líder do PP que visitaban as redaccións para advertir que o atrevimento de colocar ao presidente da Deputación de Pontevedra na picota, só beneficiaba de feito á fracción caciquil e retrógrada do que daquela chamábase AP e logo sería o PP. Aliado dos contrabandistas

Rajoy tiña más que perdida a batalla contra o sólido entramado clientelar de Barreiro, Cuiña, Baltar e Cacharro. O seu grande valedor, Fraga, inclínase por esta banda de xogadores de chamelo porque levantan partidas con plena seguridade mentres o ideólogo racista non fai máis que perder. É neste dilema cando Mariano Rajoy lanza unha batalla a prol de Alfredo Bea Gondar, alcalde de Ogrobe que na altura levaba oito meses sen convocar un pleno. As fotos de Rajoy cunha bandeira de AP na man, debruzado na fiestra dun autobús cargado de manifestantes e a beira do cartáz “Resiste Alfredo, estamos contigo” precipitaron de feito o voto de Fraga para elevar a Barreiro á vice-presidencia da Xunta. Fraga contaba coas bufandas eleitorais de Terito, José Ramón Barral ‘Nené’, luis Falcón ‘Falconetti’ e José M. Prado Bugallo ‘Sito Miñanco’, mais o afervoamento de Mariano ameazaba con comprometer tan beneficiosa alianza.

O candidato que un día se declarara racista é agora excepcionalmente reservado para as súas preferencias literarias. Confesándose leitor impenitente, só recoñece afición por Emilio Salgari e Julio Verne o que parece algo repetitivo para unha dilatada vida pública. Na súa auto-biografía eleitoral “En Confianza”, editada de a pouco polo propietario do xornal La Razón, José Manuel Lara, defínese como devorador de ensaio e historia pero a hora de citar titulares só se decide polo diario “Marca”.

Porén, varias declaracións de Rajoy moi posteriores aos seu racismo confeso vestido de sociobioloxia, volven ao rego. Jose Cuiña morreu sen saber de onde tirara o hoxe presidente do PP aquela división do mundo, e mesmo do seu partido, en “birretes” e “boinas”. Os militantes que o aclamaban ao son de “presidente, presidente!” no Monte do Gozo (setembro de 2003) tamen ignoraban cal era a orixe ideolóxica daquil “Soy mejor, modestia aparte, que el lider de la oposición”. Igual podería dicerse do seu exabrupto de 2007: “para ser presidente del Gobierno, deberían exigir algo más que ser mayor de 18 años y ser español”.

Tería se cadra unha aparición fuxidía de Fernandez de la Mora ao prohibir como ministro do Interior e vice-presidente do governo Aznar a entrada de albaneis e asistentas inmigrantes?

Concordia é a palabra máis repetida por Rajoy no seu livro de bons propósitos. Será esta concordia só para os ADN de crianza? Lembremos ao ministro de Aznar asinando en Bruxelas unha diretiva sobre inmigración que permite reter sen xuizo até18 meses a inocentes indocumentados.

Pode que che interese:

Deixa un comentario