Nota de Prensa da AVPM36 sobre a Cruz do Castro

NOTA DE PRENSA

A “ CRUZ DO CASTRO “ NO PLENO DO CONCELO DE VIGO DO 9 DE SETEMBRO DE 2013

Á “ASOCIACION VIGUESA POLA MEMORIA HISTORICA DO 36 “, recoñecida como”Viguesa Distinguida “ polo Concello de Vigo que co respaldo das asinaturas de 4041 vigueses e viguesas e colectivos cidadáns leva anos reclamando ao citado Concello o derrubamento do monumento franquista en forma de “CRUZ que esta pe do Castro en aplicación da “Lei da Memoria Histórica” quere amosar a súa satisfacción polo feito de que tal cuestión se tratase no pleno municipal do pasado nove de setembro.

Porén, a nosa Asociación non pode por menos que amosar a súa máxima preocupación logo de que, nese mesmo pleno municipal, o portavoz socialista Sr. López Font, fixera publico a existencia dun pacto, digamos secreto, entre o Concello de Vigo e o Bispado de Tui-Vigo para non proceder ao derrubamento da citada cruz.

Tal sorprendente revelación obríganos a formular unha serie de interrogantes que, por hixiene democrática e por pura conciencia cidadán, queremos trasladar a todas e todos os vigueses en xeral: un, qué negociou ó Sr. Caballero co Sr Bispo? ; dous, onde está escrito e asinado o citado pacto e cando informou o Sr. Caballero as vigueses e viguesas sobre a súa existencia? e tres, porqué o Sr. Alcalde ten que negociar co bispado sobre un monumento que está nun espazo publico e que ademais é propiedade do Concello ? .

Na Asociación Viguesa Pola Memoria Historica do 36 pensamos que a cidade de Vigo, como todas as cidades, gobérnase con ”luz e taquígrafos” , transparencia e informando á cidadanía, e no por medio de pactos secretos propios de formas de gobernos autocráticos.

Non é o noso obxectivo entrar en liortas partidistas e particulares, pero compre lembrar que os cargos públicos deben dar conta dos seus actos. Que clase de inxieneria argumental terán que empregar a Sra. Carmela Silva e o Sr. Hector Santos – ambolos dous concelleiros do PSOE – para explicar a abraiante contradicción que existe entre ter apoiado coas súas asinaturas o derrubamento da Cruz do Castro e a súa esquizofrénica abstención no pasado pleno municipal do nove de setembro?

Asemade, tamén queremos agora facer público, dado que no pleno fixose referencia ao Bispado, que a Asociación Viguesa pola Memoria Historica do 36 remitiu unha carta ao titular da diocesis preguntandolle si pensaba que a Cruz do Castro era unha cruz cristiá, tal como afirma o Concello. Compre sinalar que, a día de hoxe, aínda non recibimos resposta e que tamén, polo momento, ningunha autoridade relixiosa se ten pronunciado nunca sobre este particular

Para finalizar, a ASOCIACION VIGUESA POLA MEMORIA HISTORICA DO 36 quere poñer en coñecemento da opinión publica, que por moito que no pleno do Concello non se aprobara tirar abaixo a “Cruz do Castro”(cos votos en contra do PP, a abstención do PSOE e os votos afirmativos do BNG que foi quen levou a iniciativa ao pleno) esta reivindicación, de limpa pureza democrática, non vai paralizarse e que continuaremos, teimuda e conscientemente, non só co procedemento aberto nos tribunais de xustiza, senón mantendo unha loita lexitima que , co apoio de miles de viguesas e vigueses antifranquistas, acabara por conseguir a retirada deste símbolo e testemuña da ignominia e o crime.

ASOCIACION VIGUESA POLA MEMORIA HISTORICA DO 36
11 de setembro de 2013

Pode que che interese:

Deixa un comentario