Un Pacto pola Decencia

UN PACTO POLA DECENCIA

Nunca o poder obrou con tanta arrogancia como agora; nunca con tanto impunidade, cinismo e prepotencia. Non falo da impudicia dos gobernos nacionais e dos mercados ao facer repercutir a crise nas clases medias e populares sen a penas tocar as suculentas e non sempre santas gañanzas do sistema financieiro e de moitos profesionais e autónomos acomodados que cobran en negro o que funcionarios e asalariados gañan en blanco; nin do aquelarre que eses poderes celebran ante os recortes e despidos de funcionarios, quizáis porque lles pareza máis eficiente o réxime de cesantes que imperaba en España no século XIX e nas repúblicas bananeiras ata hai ben pouco. Se a reforma subrepticia da constitución ou calquera das barbaridades que denuncia Wikileaks tivesen acontecido hai simplemente 10 ou 20 anos, o escándalo sería tan maiúsculo que os responsables terían sido forzados a dar explicacións. Ben ao contrario, hoxe asistimos impotentes ao triste espectáculo do encarceramento de J. Assange e da demonización mediática de todo aquilo que ouse poñer en cuestión non a “forma” senón o fondo dunha reforma que, a máis de introducir un dogma neoliberal nun articulado que debería ser o máis neutro e formal posible, limita gravemente o endebedamento público, consagrando legalmente o dubidoso principio de que o estado se debe rexir polos mesmos principios que unha empresa privada. Co inaceptable agravante de que esa furtiva reforma da constitución tivo lugar mentres se poñen todo tipo de atrancos a unha modificación que suprima a mención positiva (nai de todos os concordatos) ao catolicismo, a unha transformación do senado en cámara federal ou a unha nova lei electoral que poña fin á claustrofóbica blindaxe dos partidos maioritarios, por suposto moi contentos de que todo siga como está.

O que máis chama atención non é, porén, a prepotente actuación do establishment economía-política-medios de comunicación; tampouco o feito de que os dous grandes partidos manteñan un acordo de fondo nos grandes temas, (modelo de saída da crise) reservando a súa zona de contacto a escaramuzas de superficie (Educación para a cidadanía, denuncia de corruptelas puntuais, píldora do dia despóis…) que manteñan tensos aos seus electores; nin siquera que o devandito acordo entre os dous grandes partidos se teña perpetrado en silencio e por atrás. O novidoso é que todo iso se produza coa aprobación de importantes sectores da opinión pública, nunha parte contenta e vociferante perante a galerna neoliberal, na outra facendo mutis polo foro ante o temor de perder o seu posto de traballo. E é que o medo sempre foi o pior aliado da libertade.

O recurso ao medo supón unha regresión a etapas anteriores á por H. Marcuse chamada tolerancia represiva e por Foucault sistema de control. Tanto a unha como a outra baseábanse en sutís formas de manipulación biopolítica das necesidades, do corpo e das conductas que facían innecesaria unha ameaza coactiva presente e vixiante, tal vez porque o poder forte da persuasión suave prefire os ciclos alcistas onde a economía marche ben. A posibilidade de perder a condición material da existencia biolóxica (o medo a perder o posto de traballo) propicia unha internalización voluntaria da sevidume. Reanimados os latexos punitivos dun Leviathán que semellaba durmir o doce soño do benestar, as únicas voces discordantes e por agora inasimilables para o sistema son os chamados indignados, na súa maioría persoas de clase media con cualificación intelectual, que ven as súas espectativas de ascenso social frustradas. Os membros activos dese movemento, ao non teren nada que perder por estaren en paro ou integrados de modo precario na esfera productiva, ubícanse en certo modo fóra dun sistema que chanta o seu dominio na crenza de que todos temos algo que gañar, ou cando menos que conservar. Para lograr que os indignados pasen a formar parte da súa cofradía, moitos políticos e opinantes (as excepción son abondantes e honrosas) non ocultan o seu desexo de que o movimento se convirta ou ben nunha especie de folklórica e, a poder ser, efímera asociación reivindicativa ou ben nun partido político como debe de ser, na secreta esperanza de que a indignación remita en grado inversamente proporcional á necesidade de vender un producto homologado, de manterse no poder, de colocar a cadros e afiliados, de manter os postos de traballo e, en xeral, de desempeñar as funcións empresariais cada vez máis propias dos partidos políticos.

Esa é precisamente a equivocación que o 15 M debería canear, porque, con independencia da inxenuidade que presiden moitas das súas accións e do ambígüo carácter da súas tendencias (anti)políticas, se fose un partido perdería a súa máis interesante cualidade, a maior das súas ventaxes: a de ser un monstruo, non ter figura con límites precisos, non ser encadrable en ningunha das partes -en ningún dos partidos– nas que se divide o noso arco político. Recórdese que a palabra palabra “monstruo” procede do latín “monere” que significa “advertir” e “avisar”. Para os antigos, a aparición dunha cousa diferente ou estraordinaria que semellaba desafiar a orde regular do mundo era un aviso dos deuses aos homes, unha advertenza, un “monstruo”. Por iso para nós, o monstruoso tanto significa a cristalización dos nosos medos, como un sinal ou admonición que mostra a posibilidade da libertade.

O 15 M non debe renunciar ao seu papel de advertenza de que as cousas chegaron a un punto inaceptable. Ben ao contrario; de persistir no seu carácter de recordatorio permanente, ese movemento podería converterse nun dos afluentes que desemboquen no necesario pacto entre a realidade e a decencia que nos permita superar a actual crise de confianza que conduce á deslexitimación da democracia. Se o propio Habermas, nun curioso xiro do seu pensamento, lle recoñece ao cristianismo unha función como posible fonte motivacional dunha cidadanía cada vez máis apática e desinteresada, ninguén, -nin siquera Ratzinguer e os bispos-, debería temer que esa papel sexa realizada, entre outros, polos influídos polo 15M, quen, ademáis de rebosaren entusiasmo e motivos para insoflarénlle vida a unha democracia esmorecida, non pretenden ocupar o espacio público cos seus símbolos, co cal a Igrexa católica seguiría soa e sen competencia na súa piadosa preocupación pola decoración de interiores e exteriores no estilo de sempre.

A loita por unha sociedade decente é inasimilable polo actual sistema político, cativo da escuridade na toma de decisións, da profesionalización da política e da corrupción, especialmente no ámbito municipal. Ese pacto pola decencia debería selar a transición cara unha nova sociedade política, permitindo ao mesmo tempo o surximento dunha sociedade civil rexenerada. Ese proceso debería culminar nun novo deseño constitucional e legal-institucional que busque a exemplaridade na vida política, introducindo mecanismos (guerra á discrecionalidade e ao monopolio na toma de decisións, auditorías regulares, novo sistema de financiación dos concellos), que limiten a corrupción a oligarquía partidista (unha nova lei electoral) e a autonomización endógama da clase política. Non se trata tanto de acariciar a seudoutopía dunha democracia directa, esta vez apoiada no potencial comunicativo da informática, como se propuxo hai pouco nestas mesmas páxinas (sombrío panorama o dunha democracia en mans de internautas a votar constantemente sobre os asuntos máis nimios) como de perfeccionar a democracia xa existente para poñerlle as cousas difíciles aos que se están a aproveitar dela. Pero unha mellora da calidade da democracia tampouco non pode consistir nun consenso de fondo entre os grandes partidos que elimine a dimensión agonista da política en beneficio dunha confrontación que á hora da verdade se delata ficticia ou, cando menos, epidérmica. O consenso é necesario nos valores ético-políticos (libertade e igualdade par todos) e nas institucións constitutivas da democracia, pero debe existir desacordo respecto ao modo e sentido en que eses valores se implementan. Senón hai un disenso merecedor dese nome, non hai materia para unha política democrática.

Unha vez acadado iso que, por poñerlle un nome, imos chamar IIIª República, seguirá habendo corrupción, a política seguirá pugnando por autonomízarse da sociedade e a economía continuará tratando de colonizar a política, a cultura e o que se lle poña por diante. Daquela, haberá que volver a empezar. Mentres tanto, o presente convócanos, máis que nada para que non nos vendan unha moto averiada e teñamos que dicir que funciona, por non dicilo dun xeito máis enxebre, metabólico e chuvioso. A menos que nos resignemos a ser espectadores e cómplices dunha degradación da vida política que nos pode levar a lugares inquietantes.

Carlos Fernández

Pode que che interese:

Deixa un comentario