Declaración da ARV o 14 de Abril.

Agora que tanto se fala da necesidade de superar o réxime da chamada transición, esquécese , de forma premeditada, que esa transición adoptou una forma de estado monárquica, é dicir, non democrática. E sábese dende a escola que onde haxa Rei non hai democracia, onde haxa cargos herdados non existe posibilidade de expresión da vontade popular. Poren esta idea basilar dos sistemas autenticamente democráticos, semella hoxe condenada caseque á marxinalidade. As expectativas abertas coa abdicación de Juan Carlos Borbón cara un horizonte republicano, están agora, a pesares do descrédito da Coroa, máis lonxanas que hai un ano.

A desaparición da Monarquía, non está presente no pretendido discurso transformador das dinámicas electorais aparecidas ultimamente como única resposta alternativa ás maldades do sistema. Os debates, lexítimos desde logo e posiblemente necesarios, sobre listas abertas, códigos éticos, revocatorios ou corrupción, invaden a area pública e concentran a atención da cidadanía. Preténdese así cambiar os usos do sistema en vez de erradicar os seus abusos. Tales dinámicas conforman a clave de bóveda que serve para explicar o silenciamento e desaparición progresiva que esta a sufrir a alternativa republicana como o escenario real desde o que se debe partir para abordar un autentico cambio.

Non hai cambios verdadeiros se se expulsan dos espazos públicos os conflictos sociais, os movementos sociais, as loitas sociais, en suma, o debate político e de ideas realmente transformadoras, e se opta por suplantalos e substituílos ou pola súa representación espectacular nas tertulias televisivas ou por medio de dinámicas electoralistas onde caiba todo

Dende a Asemblea Republicana cremos que hai que republicanizar as rúas e os conflictos e defender, mesmo a contracorrente agora , os valores republicanos como parte dunha estratexia imprescindible para acabar con esta II Restauración Monárquica que padecemos. Conceptos como os de liberdade, igualdade, fraternidade, Estado laico, dereito ao traballo, á vivenda, á sanidade e á educación publica, á igualdade de xénero, a loita contra o racismo, a xenofobia, o belicismo, o imperialismo e a defensa do ecoloxismo e do dereito das nacións sen estado para decidiren o seu futuro, son, entre outros, os valores que lle son propios á defensa da República

E precisamente agora que estamos nas vésperas dunhas eleccións municipais (e nos esquezamos que foi logo dunha eleccións municipais cando se expulsou ao Borbón do trono) a Asemblea Republicana de Vigo quere facer un chamamento aos partidos políticos, as agrupacións electorais, as coalicións electorais ou aos partidos instrumentais para que introduzan nos seus programas o republicanismo e a desaparición da Monarquía.

Ese é o xeito máis transformador e democrático de facer desaparecer o chamado “réxime da transición”. E esa é, ademais, a débeda que todas e todos os demócratas e antifranquistas temos contraída cos homes e mulleres que deron a súa vida e a súa liberdade na defensa dunha República que un día como o de hoxe de hai 84 anos era proclamadada dende o balcón do vello concello da nosa cidade

¡¡¡ VIVA A REPÚBLICA¡¡¡
14 de abril de 2015

Esta entrada foi publicada en Artigos. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *